David Fidalgo Omil

A súa carreira céntrase en facer curtametraxes de animación cun carácter moi persoal. Coa súa última curtametraxe ”Homomaquia” obtivo un nomeamento aos premios Goya 2020 na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación, ademais de estar presente en moitos festivais, como o Festival de Málaga onde gañou o Biznaga de Prata do Premio do Público por Mellor Curtametraxe de Animación, a única lacra foi non poder estar no GFFF, malditos friquis.


Lois E. Froiz

Lois E. Froiz nace en Compostela en 1985. Alí medra (aínda que non moito) e comeza a meterse no mundo das películas, desenvolvendo rápidamente unha insana fascinación por Centroeuropa que o leva a emigrar para vivir alá e investigar o cinema da zona, máis concretamente o surrealista e comunista. Grazas a iso, e anos despois de que xa lle deran a súa Licenciatura en Comunicación Audiovisual, engana á Universidade de Santiago de Compostela para que lle dean tamén un doutorado en Comunicación e Información Contemporánea. Durante o seu tempo libre tamén logra dirixir unhas cantas curtas nas que, para aparentar ser menos pretencioso do que é, pón a excusa de xogar coa experimentación narrativa, e unha longametraxe documental sobre o moi manido tema do Death Metal galego. Na actualidade, buscado polos seus acreedores, malvive como profesor e investigador de fortuna. Se vostede ten algún problema, cecáis poida contratar a alguén competente antes que a el.


Brian Rodríguez Cortiñas

Lugo. En outono de 1994 obrígano a montar nuns coches de choque para nenos e, froito dos nervos, atropella por detrás ao home que vixía o recinto. En febreiro de 2003 fai o seu primeiro exame da Licenciatura en Humanidades (USC) ataviado cun tanga vermello de muller que ninguén percibe. En 2007, xa máis serio e conservador,decide ver que hai máis aló da muralla de Lugo e marcha a Santiago de Compostela onde obtén un Diploma de Estudos Avanzados en Literatura Comparada (USC). Presa do síndrome do eterno universitario inscríbese nun máster de Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais na UdV. En maio de 2011, farto de tirar mal a cervexa no Festival de Cans razona que os que piden voluntarios nos festivais son uns desalmados.Comeza a centrarse na súa labor como guionista, realizador e editor de vídeo. Nesta época pasa a formar parte do proxecto teatral lucense Microefectos Dramatúrxicos onde escribe pezas breves a esgalla a interpreta unha morea de papeis. En agosto de 2013, minutos antes de comezar a rodar a curta Cambio de especie, ao aparecer os intérpretes ponse nervioso e o seu pene encolle ata case desaparecer. Entre 2014 e 2016 excreta dúas curtas máis: Italo Disco Death e De fiestuki con la peñuki. En agosto de 2017 farto da procrastinación creativa impulsa xunto a un amigo o proxecto audiovisual lucense Cinerxias. En outubro de 2018, tras acudir como convidado ao GFFF por mor da súa curta Maullidos de látex, retírase ao hostal ás seis da mañá tras beber vermú e Licor 43 xunto á organización. En setembro de 2020, xusto antes de entrar nun concerto en Lugo, tómanlle a temperatura e o trebello marca 32,5 graos.