Caspervek Ensemble musicalizará en directo «A carreta pantasma» no Galician Freaky Film Festival

O Galician Freaky Film Festival comeza a conta atrás para abrir as portas do certame, que terá lugar entre o 28 e o 31 de outubro.

Debido a crise sanitaria por mor do coronavirus, o evento realizarase seguindo unhas rigorosas medidas de hixiene e prevención. Así, co obxectivo de ter un espazo seguro, este ano o festival mudará de localización e celebrarase na sala Overlook, no hotel Bahía de Vigo, na rúa Cánovas del Castillo, 24. Ademais, Juan de Castro explica que “levarase a cabo un estrito protocolo de seguridade co fin de garantir a saúde dos asistentes, invitados e o equipo do festival”.

Deste xeito o aforo será moi limitado, o uso de máscaras será obrigatoria para moverse polo recinto, haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes e o sentido de circulación será único. Doutra banda, asegura de Castro que “intensificarase a limpeza, tanto entre sesións coma ao rematar cada xornada”.

Con todo, o festival iniciará a súa actividade o 28 de outubro cunha inauguración na que non faltará o bo cine e, coma non podía ser doutro xeito, a música.

UNHA INAUGURACIÓN DA MAN DE CASPERVEK ENSEMBLE E YORGOS LANTHIMOS

Caspervek Ensemble, con Brais González ao piano e á dirección, Blas Castañer á percusión, Erea Carbajales ao violín, Tonio Comesaña ao clarinete e Ainara González á trompa, serán os encargados de poñer a banda sonora en directo á un verdadeiro clásico do cinema: A carreta pantasma, de Victor Sjöström.

No filme, referente para Stanley Kubrick, autor de El resplandor, cinta homenaxeada nesta nova edición do Galician Freaky Film Festival, amósase unha historia chea de escuridade, degradación e poesía onde abundan os planos espectrais e fantasmagóricos. De feito, a obra goza de gran relevancia na historia do cinema xa que foi pioneira no uso de técnicas fílmicas nunca vistas, coma as dobres exposicións ou as elaboradísimas composicións que amosan o minucioso traballo de Julius Jaenzon á fotografía. Complementa esta excelente factura un guión moi traballado con narracións en flashbacks, afondando nos seus decadentes personaxes como é a progresiva destrución da dignidade humana por parte dunha sociedade cruel e egoísta que leva aos máis desafortunados ao camiño da violencia e a tolemia.

Caspervek estreou esta obra en Poznan (Polonia), sen embargo, a versión que será estreada en España nesta ocasión será ben diferente, unha nova versión para quinteto da partitura orixinal de 2015. Esta composición de Brais integra ademais dous temas folclóricos suecos dentro do xa propio universo e estilo Caspervek.

Xusto despois desta musicalización, chegará Nimic, curtametraxe dirixida polo aclamado Yorgos Lanthimos, autor de obras coma Langosta ou La favorita, esta última nomeada ao Óscar ao mellor director en 2019.

Xusto despois desta musicalización, chegará Nimic, curtametraxe dirixida polo aclamado Yorgos Lanthimos, autor de obras coma Langosta ou La favorita, esta última nomeada ao Óscar ao mellor director en 2019.

A obra, que será estrea en Galicia e non está na sección oficial, ven de proxectarse en Locarno e Melbourne e narra a historia dun violonchelista profesional e coma un encontro cunha estraña no metro terá unha serie de consecuencias inesperadas na súa vida.

DEVORADOS POR LA NOCHE, A CURTA DE CLAUSURA

Nimic non será a única curta especial que se poderá ver no GFFF. Por iso, na gala de clausura os asistentes terán ocasión de desfrutar dunha estrea mundial: Devorados por la noche, de Óscar Doviso. O filme, situado nos anos 80, contará o que lles acontece a un cantante dunha banda de rock e o seu grupo logo dun concerto.

A VENDA DE ENTRADAS, DISPOÑIBLE UNICAMENTE ONLINE

Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, as entradas estarán unicamente dispoñibles a través da web do GFFF.

Neste sentido, os asistentes terán a opción de mercar un abono VIF, con acceso a todos os pases e actividades do certame ou escoller unha entrada para a inauguración. Ademais, ao ter un aforo moi limitado, existirá a posibilidade de ver a sección oficial online, podendo facerse co billete correspondente na web.