O Galician Freaky Film Festival volverá un ano máis a Vigo, do 28 ao 31 de outubro, para amosar unha coidada selección de pezas audiovisuais de cinema freak, terror e underground.
Nesta edición, das máis de 400 obras presentadas a concurso, escolléronse 60 curtas para a sección oficial: 16 nacionais e 44 internacionais procedentes de países coma Estados Unidos, Corea do Sur, Xapón, Suecia, Arxentina, Ucraína, Francia, Alemaña ou Polonia.
Ademais, moitas delas poderanse ver en primicia no certame xa que “2 serán estrea internacional, 14 proxectaranse por primeira vez en España e 30 das obras estrearanse en Galicia” afirma Juan de Castro, director do Galician Freaky Film Festival, quen engade que “entre as pezas encóntranse traballos que se puideron ver en festivais tan importantes coma Cannes, Clermont-Ferrand, Locarno, Sundance, Venecia, Toronto ou Berlín”.
Os asistentes poderán gozar de filmes de diferentes xéneros, dende arrepiantes curtas coma Baladas de amor e morte de Iria Ares, que narra unha historia de amor coa morte, a inquietante No podrás volver nunca, de Mónica Mateo ou El Bazar de Luis Fernández- Jardón, onde non todo é o que parece, ata obras onde o mesmísimo Dexter Morgan, o asasino en serie máis famoso da pequena pantalla, tería calafríos vendo Together, de Ryan Oksenber; Fifty, de Javier Dampierre ou The bloodbath, de Emmanuel Hamon e Gilles Leroux.
Coma xa ven sendo habitual, nas xornadas tamén haberá espazo para escachar da risa. Así, todos os que queiran pasar un bo rato non se poden perder a sección Humor Freak, que chega con títulos tan prometedores coma No, I don’t want to dance, da cineasta Andrea Vinciguerra e que aterriza no Galician Freaky Film Festival despois de pasar por Sundance ou a hilarante La silla eléctrica de Joan Martín, onde se narra a peculiar historia de Julio, que pretende facer unha fazaña sen precedentes e non apto para cardíacos.
Por suposto, o Galician Freaky Film Festival garda un oco para a ciencia ficción con obras coma a multipremiada Je l’aime alors je la quitte de Ilan Zerrouki; Onde dormen as gaivotas de Dani Cornes, que nos transporta a un mundo non moi lonxano e a un arquipélago remoto ou R&R (Rêve et Realité) de Tony Chaslas, que inclúe unha boa dose de viaxes no tempo.
En definitiva, este ano o festival volve con máis forza ca nunca e, durante catro días, gozarase do mellor cinema de xénero e freak de Galicia, España e o mundo. A programación completa está xa na web do GFFF.